Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 22.09.2017 Actualizado 19:52
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

Beiras secunda unha emenda dos críticos de Villares en contra da "moderación do discurso" en En Marea

'Recuperar En Marea' rexeita aumentar o soldo a quen perde diñeiro por entrar en política e abre a porta a que cobren cargos orgánicos

SANTIAGO. EP  | 11.07.2017 
A- A+

O histórico nacionalista Xosé Manuel Beiras secundou este martes a través das redes sociais unha emenda do sector agrupado baixo o lema 'Recuperar En Marea' en contra da "moderación do discurso" e de converter a formación rupturista "nun partido clásico".

"En Marea só se pode entender como un suxeito en rebeldía permanente que non se somete á normalización política nin á homologación coas forzas do réxime", sosteñen os críticos.

Ademais, no seu texto rexeitan a idea de que En Marea se converta "nunha máquina electoral" ou "unha organización de cargos públicos e cadros cuxo labor exclusivo sexa a conquista de espazos institucionais" que somete a este obxectivo "a súa acción e o seu discurso político".

Esta formación, segundo o seu criterio, ten que ser "un movemento popular activo" e organizado "para cambialo todo" sendo "conscientes de que non todo se cambia nas institucións do réxime".

"Somos movemento. (...) Negámonos a admitir a redución de En Marea a un partido clásico do réxime, destinado a concorrer no mercado electoral para participar na alternancia regulada de inquilinos nas institucións", recalcan os críticos.

"IMPUGNACIÓN DO RÉXIME"

En canto á súa visión política, este sector define a organización como "unha ferramenta destituínte e de constitución republicana" que "entende que o pobo galego é un suxeito político con dereito a constituírse en república".

O seu programa debe ser, segundo o mesmo texto, "republicano, feminista, democrático e igualitario" e asentarse sobre "a laicidade, a soberanía popular, o dereito a decidilo todo, a destrución do patriarcado e a socialización dos bens comúns".

Finalmente, pon de manifesto que En Marea "non é un instrumento de representación", xa que "a maioría social non é representable". "É unha impugnación do réxime de representación tamén nas súas propias estruturas e o seu funcionamento", conclúe.

"ALTERNATIVA POLÍTICA" DE VILLARES

Se os críticos consideran En Marea un "instrumento político da maioría social", o sector liderado por Luís Villares mostra o partido rupturista como "alternativa política das maiorías sociais".

Nun documento que reivindica os "resultados razoablemente bos" obtidos por En Marea nas últimas eleccións autonómicas, defende que debe actuar como un "movemento-instrumento eficaz" para "a defensa dos dereitos individuais e colectivos" dos galegos.

"Ten que deseñarse na relación coa sociedade como a canle de participación política da maioría social galega", agregan, á vez que avogan por "unha ampla alianza" das forzas "de esquerdas, nacionalistas e non nacionalistas, en Galicia e o conxunto do Estado" para "apartar do goberno ao corrupto PP".

RELACIÓN COAS MAREAS MUNICIPAIS

Outro dos aspectos nos que as emendas ao plenario do próximo sábado evidencian as diferenzas entre os dous sectores principais de En Marea é na relación coas mareas municipais.

En concreto, os oficialistas apostan por unha regulación desas interaccións, mentres os críticos reivindican a independencia "absoluta" dos entes locais.

"Terán a iniciativa na súa relación con En Marea a nivel nacional", defenden os segundos, mentres os primeiros queren subscribir "un protocolo marco de colaboración" que inclúa os recursos "humanos, materiais e financeiros".

CARTA FINANCEIRA

O sector agrupado baixo o lema 'Recuperar En Marea' tamén rexeita a proposta oficialista de compensar a quen perda cartos como consecuencia da súa entrada en política.

Nas súas emendas, ademais, coincide co equipo de Villares en que a condición de membro dos órganos do partido "non dará, per se, dereito a ningunha retribución". Pero engade un matiz: "fóra das persoas que poidan ser nomeadas para algún traballo de dedicación exclusiva a En Marea".

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS