Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 22.09.2017 Actualizado 19:52
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

O BNG pedirá a ilegalización da Fundación Franco por "apoloxía do xenocidio"

Levará esta petición á Cámara despois de que a entidade anunciase accións contra os "asaltantes" do Pazo de Meirás

SANTIAGO. EP  | 11.09.2017 
A- A+

O BNG destacou que pedirá na Cámara galega a ilegalización da Fundación Franco por "apoloxía do franquismo, terrorismo e xenocidio" así como a súa declaración, xunto coa familia do ditador, de "non gratas en Galicia". "É inaudito e intolerable que, a estas alturas, sexa legal", considera.

Diso informou este luns o deputado nacionalista Luís Bará despois da entidade indicase que fará "todo o que estea na súa man" para asegurarse de que "os asaltantes" do Pazo de Meirás --militantes do BNG e Galiza Nova entraron a finais de agosto no mesmo e despregaron pancartas para pedir a devolución deste Ben de Interese Cultural (BIC) "ao pobo"-- reciban "o seu xusto castigo de acordo coa lei", que sitúa nun plano "superior" á democracia.

O parlamentario autonómico cualificou de "inaudito e intolerable" que, a estas alturas, a Fundación Franco "sexa legal, que se comporte con total impunidade, que reciba beneficios dos poderes do Estado, que incumpra as leis nas visitas" ao inmoble así como que "agora anuncie ameazas contra o BNG pola acción simbólica de ocupación".

"No BNG non aceptamos nin ameazas nin chantaxes por parte de franquistas. Non lles temos medo e seguiremos denunciando por todos os medios o incumprimento da lei, a impunidade do franquismo, o espolio, o roubo de bens públicos pola familia Franco e a complicidade das institucións do Estado, da Xunta e do PP co franquismo", manifestou.

Ademais, considerou que, na sesión plenaria que empeza este martes no Parlamento galego, o PP "terá a oportunidade para dicir de que lado está, ao lado dos franquistas ou da democracia" na proposta do BNG para declarar "non gratas en Galicia" á familia Franco e ilegalizar á fundación.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS