Hemeroteca web | RSS  RSS     Mércores 22.11.2017 Actualizado 19:21
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

Feijóo pide aos non temen "ao despropósito" que se manteñan nos seus postos porque "a lei os asiste"

Cre que Rajoy "non vai fallar" aos cataláns e lembra que ten "a obrigación" de usar "todas as ferramentas legais"

VIGO. EP  | 11.09.2017 
A- A+

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, alentou este luns aos que se opoñen ao proceso rupturista en Cataluña, e pediu "a aqueles que non lle teñen medo ao despropósito", que se manteñan nas súas posicións, porque "a lei os asiste".

En resposta a preguntas dos medios, tras inaugurar a VIII Conferencia Mundial do Atún en Vigo, o presidente galego expresou a súa esperanza de que os "non temen ao despropósito", "os que non teñen medo ás ilegalidades, ás formulacións radicais", "mantéñanse nos seus postos, teñan ou non teñan apupos, que saiban que a razón os asiste, a lei os asiste, e o pobo catalán meréceo".

Núñez Feijóo lamentou que a celebración da Diada 2017 empezase " mal", e mostrou o seu desexo de que "non aproveiten algúns políticos para dividir aínda máis á sociedade catalá".

"Aos políticos non nos elixiron para mentir aos cidadáns, e en ningún caso os políticos podemos dividir aos cidadáns. Se alguén quere usar o día grande de Cataluña para dividir, fracturar e romper aínda máis a sociedade catalá, non está a cumprir as súas obrigacións, non merece o cualificativo de catalán", proclamou Feijóo.

O presidente da Xunta apelou directamente a quen "desde a posición de deputado do Parlament, alcalde ou outro cargo político", utilizan a Diada para "dividir", e afirmou que, se o fan, "non merecen o cargo que representan". "Espero que non se caia na tentación de constituír a Diada como un momento de máxima tensión, máxima división e máxima fractura. Iso é faltar ao respecto aos cataláns e todo o máis importante que ten un pobo, que é a convivencia, a cordialidade e a unidade", engadiu.

"OBRIGACIÓN" DE USAR "FERRAMENTAS LEGAIS"

Por outra banda, e con respecto aos pasos que debe dar o Executivo, Alberto Núñez Feijóo afirmou que "o Goberno democrático de todos os españois" ten a "obrigación" de utilizar "todas as ferramentas legais" á súa disposición ante os "actos ilegais", o "permanente abuso das institucións" e a "ameaza constante de seguir cometendo ilegalidades" por parte dos independentistas cataláns.

Así, Feijóo advertiu de que as actuacións dos independentistas están "tipificadas" no Código Penal e na Constitución, e recalcou que "hai un presidente do Goberno que sabe cal é a súa función". "Ten a tranquilidade, o acougo e a experiencia suficiente como para non fallarnos. A inmensa maioría, votásemos o que votásemos, estamos convencidos de que Rajoy non vai fallar aos cataláns, nin ao conxunto dos cataláns", sentenciou.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS