Hemeroteca web | RSS  RSS     Luns 24.07.2017 Actualizado 20:41
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

Galiza Nova celebrará a 'Semana da Patria galega' con máis de 60 actividades entre o 17 e o 23 de xullo

Bieito Lobeira (BNG) defende que Galicia "non pode ser espectador pasivo" no debate sobre os dereitos das nacións

SANTIAGO. EP  | 13.07.2017 
A- A+

Galiza Nova, a organización xuvenil vinculada ao BNG, impulsa a campaña 'Semana da Patria galega', celebrando máis de 60 actividades de todo tipo co fin de quentar motores para a conmemoración do 25 de xullo.

Serán decenas de actos "moi diversos", segundo avanzou Navia Rivas, pero todos eles con ese eixo central de "recuperar a soberanía" de Galicia.

Entre eles haberá actividades formativas, coloquios e debates sobre soberanía dos pobos, o caso galego, os dereitos das mulleres, cuestións LGTBI, emprego ou sistema educativo, ademais doutras de corte lúdico como murais decorativos e actuacións musicais.

Rivas animou, deste xeito, a que todos os mozos "sómense" a esta programación de actos, que desembocarán na xornada reivindicativa do Día da Patria Galega.

O secretario xeral de Galiza Nova, Alberte Fernández, destacou a celebración de actos "por todo o país" levando a reivindicación máis aló de Compostela e estendéndoa "a todos os días desta 'Semana da Patria'.

Fernández destacou "as enormes potencialidades" do pobo galego, "ameazadas" polas influencias das forzas estatais. Unha situación que inflúe nos "problemas" que vive a mocidade do territorio, coa falta de emprego, unha elevada taxa de emigración obrigada para "subsistir", precariedade laboral e os prexuízos xerados pola Lomce en educación.

Por iso, considera que Galicia necesita "a soberanía" para "dar solución a estes problemas", con "respostas" pensadas desde a óptica galega e tomando "un novo rumbo", que require dunha "conciencia nacional" entre a mocidade.

DEBATE NACIONAL

Finalmente, por parte do BNG, Bieito Lobeira enmarcou esta programación na campaña de "popularización do 25 de xullo" que se está realizando "en todas as comarcas", e mesmo na emigración.

Lobeira puntualizou que este ano a xornada "ten un significado especial", polo proceso político derivado do conflito catalán e que "está a abrir un debate sobre os dereitos das nacións", no que Galicia "non pode ser espectador pasivo, senón protagonista".

Por iso, un dos "fundamentos" desta campaña será a necesidade de transcender o "marco actual", a Constitución e o Estatuto, que "non vale" para afrontar os problemas sociais, lingüísticos e culturais que padece Galicia. En contraposición, apostou por unha alternativa "democrática e soberana".

Lobeira quixo destacar, ademais, o papel de "centos de mozos de Galiza Nova" que contribuíron neste 'Día da Patria', unha "mocidade consciente, activa e combativa" que será "clave" para o presente e futuro desta formación.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS