Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 22.06.2018 Actualizado 21:11
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

CALIDOSCOPIO

Hai moito que aprender deste oito de marzo

MANUEL MERA  | 13.03.2018 
A- A+

A xornada de mobilización a nivel mundial do pasado 8 de marzo, co gallo do Día Internacional da Muller Traballadora, e que tan importante eco tivo no noso país, merece máis dunha análise e comentario. Para alén de que os medios lle deron unha cobertura importante, tanto previamente como o propio día, non hai dúbida de que as organizacións feministas, e especialmente as centrais sindicais e partidos de esquerda, fixeron un gran esforzo para asegurar o éxito da xornada. Destacando ademais na Galiza o papel neste aspecto do nacionalismo sindical e político. Mais o aspecto principal que non se pode obviar, é que son reivindicacións xustas, que denuncian e buscan rematar con situacións de desigualdade e violencia de xénero que son inadmisíbeis.

Non se trata de que as reivindicacións de xénero substitúan a loita de clase ou a cuestión nacional, como se pretende dende algúns sectores, senón de que estas reclamacións se incorporen tamén como prioritarias, xunto coas históricas, e outras necesarias, como as ecolóxicas e democráticas. Trátase de que formen parte dos programas, da mensaxe, do debate no eido das ideas, e sobre todo na acción reivindicativa cotiá das centrais sindicais, organizacións sociais e partidos políticos. Só sobre a base da unidade de todas estas reclamacións sociais, laborais, culturais, que afectan sobre todo ás clases populares, é posíbel construír un movemento que recolla todas as sensibilidades, e que sexa capaz de mudar a correlación de forzas e conquistar unha sociedade máis xusta, solidaria, democrática e sustentábel. A fragmentación só axuda a que ren mude, a que os cambios sexan raquíticos, a que as minorías donas do poder manteñan o seu dominio ancestral.

Outro aspecto que cómpre destacar é que os paros superaron as previsións e as mobilizacións foron masivas. Isto reflicte mellor que ningunha enquisa ou análise das direccións sindicais e dos partidos, cal é o estado de ánimo das masas, máxime cando ás manifestacións dos/as pensionistas xa o deixaron en evidencia nos días precedentes. O éxito da convocatoria cuestiona a actitude pesimista, (mesmo derrotista nalgunhas organizacións), que existe nas forzas que se proclaman antisistémicas. Hai condicións para unha actitude ofensiva por parte das clases subalternas. O que sucede é que non valen os métodos e as formas previas de acción sindical e política. As folgas non poden ser o final das campañas, máxime cando non teñen un carácter insurreccional e non son indefinidas. O capital é abondo forte, na etapa da globalización, como para non ceder tan doadamente. Cómpre que as campañas se manteñan no tempo, que gañen os espazos públicos, que as mobilizacións e folgas, o debate na sociedade, dificulte o proceso de explotación e opresión.

O éxito do oito de marzo, e das protestas polas pensións, o auxe do soberanismo catalán, teñen en común máis do que parece. Todas son expresións do descontente cun sistema onde uns poucos, grandes corporacións e fortunas, enlamados na corrupción e fraude fiscal, teñen cada vez máis poder e se apropian de máis riqueza, e onde recúan os dereitos democráticos individuais e colectivos. Mentres, as persoas que se sacrificaron para sacar os países da crise, perderon o emprego ou poder adquisitivo, traballan máis horas e a maior ritmo, e teñen a convicción fundamentada na practica cotiá de que o futuro será peor. Está roto o chamado pacto social, a ilusión dun futuro mellor, tan gabado pola socialdemocracia. Un consenso que en realidade nunca existiu, que sempre dependeu da correlación de forzas, da debilidade transitoria do capital, do mundo nacido da Segunda Guerra Mundial, e que a caída da URSS e o auxe da globalización neoliberal deron por amortizado.

A situación actual, con grandes avances técnicos, e unha capacidade produtiva inmensa, cun mundo virtual marabilloso pintado polos medios e cultura de masas, contrasta acotío, coa destrución dos ecosistemas, co medre da desigualdade e a precariedade, coas guerras imperialistas, co economía delituosa e especulativa. Unha contradición que deixa en evidencia a loita de clases, que todo depende da correlación de forzas, do sistema económico e social, e da soberanía popular e nacional.

Manuel Mera

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS