Hemeroteca web | RSS  RSS     Luns 23.04.2018 Actualizado 13:56
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

A operación contra Sito Miñanco sáldase con 43 detidos, cinco toneladas de droga e 15 millóns en bens

O 'narco' galego, de novo en prisión, dirixía unha rede criminal asociada a organizacións búlgaras, turcas e holandesas

MADRID / PONTEVEDRA. EP  | 09.02.2018 
A- A+

A Policía Nacional informou de que a operación contra a rede de Sito Miñanco, "unha de estruturas narco-criminais máis potentes a nivel mundial", saldouse con 43 detidos, cinco toneladas de estupefacientes intervidos e a incautación de bens e inmobles valorados en 15 millóns de euros. Tamén se procedeu ao bloqueo de 171 inmobles, cinco barcos e 139 contas bancarias e outros produtos financeiros.

A operación 'Mito' iniciouse despois de ser detectada a presenza en Marbella do coñecido narcotraficante galego xunto a outros membros da súa organización. Ao longo de máis de vinte meses de investigación, os axentes da Unidade de Drogas e Crime Organizado (UDYCO) comprobaron que Sito Miñanco, de 62 anos e con residencia fixada en Alxeciras, mantiña a súa principal infraestrutura na provincia de Pontevedra, onde están as súas orixes, aínda que desenvolvía a maior parte da súa actividade delituosa no sur da península.

Nesta última etapa da súa carreira criminal asociouse a organizacións criminais búlgaras, turcas e holandesas. Segundo informou a Policía nun comunicado, Sito Miñanco posuía unha extensa rede de colaboradores españois da súa máxima confianza, que conformaban a organización dedicada ao tráfico de drogas máis poderosa de Europa.

Na investigación constatáronse as continuas medidas de seguridade adoptadas polos integrantes da organización. Usaban terminais encriptados para comunicarse e mesmo se desprazaban por toda a xeografía española para entrevistarse persoalmente co principal detido e seguir as súas ordes de maneira directa. Con todo iso evitaban ser detectados polos investigadores e dificultar e eludir a acción policial e xudicial.

ESTRUTURA EN MADRID E PONTEVEDRA
Persoas de confianza do 'capo' galego eran as encargadas da coordinación, loxística e transporte da droga desde Pontevedra. En Madrid, a organización estaba composta por cidadáns españois e colombianos que se encargaban do transporte de diñeiro en metálico ou de sustancias estupefacientes mediante o uso de vehículos con compartimento oculto tipo "caleta".

Tamén xestionaban desde Madrid a recepción do diñeiro da organización procedente do tráfico de drogas para o seu envío a Colombia por outras persoas, as coñecidas como "mulas". No operativo contra a estrutura nesta rexión, un axente do Grupo Especial de Operacións (GEO) resultou ferido por disparo de bala no ombreiro e outro sufriu contusións leves após recibir varios impactos no seu chaleco antibala. Os axentes feriron ao presunto 'narco' que abriu fogo nunha nave en Alpedrete destinada a galería de tiro.

Varias son as incautacións de droga que se relacionan con esta complexa organización. En xaneiro do pasado ano, os GEO interceptaban un barco mercante en alta mar e interviñan 3.800 quilogramos de cocaína. Poucos meses despois, outros 616 quilos da mesma sustancia eran intervidos nun colector en Holanda. Ademais interceptáronse grandes cantidades de diñeiro que trataban de sanear estas "caídas" da sustancia estupefaciente.

Grazas aos medios de cooperación policial internacional e ás xestións practicadas polos investigadores, conseguíronse vincular todas as aprehensións coa organización desmantelada, segundo explica a Policía.

Após coñecer a interceptación do referido mercante cos 3.800 quilogramos de droga e para evitar ser descuberto, o responsable do grupo ordenou o afundimento das planadoras que se atopaban esperando para realizar o transvasamento da mercadoría en alta mar, e cuxo valor ascende a varios millóns de euros.

USO DE ESTALEIROS GALEGOS
A rede dispuña de diversos sistemas para branquear os beneficios derivados do tráfico de estupefacientes. Unha das partes fundamentais na infraestrutura da organización eran uns estaleiros dedicados á construción e venda a terceiros de embarcacións totalmente lícitas.

A mercantil utilizaba esa actividade legal para ter acceso ao porto e permitir a entrada das sustancias estupefacientes. Ademais, o 'capo' galego controlaba varios negocios que lle permitían introducir no circuíto legal o diñeiro procedente do tráfico de drogas, e utilizaba sociedades para a elaboración de contratos e facturas 'ad hoc'. Así xustificaban documentalmente a entrada de diñeiro de procedencia dubidosa.

Ademais destes negocios, a organización dispuña dunha estrutura societaria instrumental para titular inmobles que serían adquiridos co diñeiro procedente do tráfico de estupefacientes. Do mesmo xeito, a organización empregaba outros sistemas de branqueo de capitais cuxos indicios foran detectados ao longo da investigación, tales como o movemento de diñeiro en efectivo mediante correos humanos ou 'mulas', uso de locutorios para envío de diñeiro procedente do narcotráfico, e a compravenda de inmobles con diñeiro ilícito.

HISTORIAL CON VARIAS DETENCIÓNS
A organización seguía estando dirixida polo considerado como maior narcotraficante de Europa. "Sito Miñanco" iniciou a súa carreira delituosa como contrabandista nos inicios dos anos 80 e posteriormente como traficante de drogas, sendo detido anteriormente en dúas grandes operacións contra o tráfico de drogas nos anos 1991 e 2001. Foi un dos implicados na operación 'Nécora', aínda que logrou escapar ata que foi arrestado noutra operación en 1991, polo que cumpriu sete anos de prisión.

En 1998 saíu do cárcere en liberdade provisional ata que foi detido novamente pola Brigada Central de Estupefacientes en agosto de 2001 por tentar introducir 3.700 quilos de cocaína nun barco. Desde agosto de 2001 a 2011 permaneceu en prisión. Actualmente estaba a cumprir unha condena de 16 e 10 meses no Centro de Inserción social de Botafuegos (Cádiz), en réxime de semiliberdade, pois só acudía a pasar a noite ao centro.

O 7 de febreiro, a xuíza da Audiencia Nacional Carmen Lamela ordenou o ingreso en prisión provisional do narcotraficante galego José Ramón Prado Bugallo, coñecido como Sito Miñanco, así como doutros 20 presuntos membros da súa organización por delitos contra a saúde pública (tráfico de drogas), branqueo de capitais e organización criminal de extrema gravidade. Entre os encarcerados atópanse os seus 'lugartenentes' e outro dos detidos, David Pérez Lago, fillastro doutro coñecido narcotraficante galego, Laureano Oubiña.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS