Hemeroteca web | RSS  RSS     Martes 20.02.2018 Actualizado 20:16
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

A oposición, contra Feijóo por aludir a unha trama incendiaria que non existe

Villares ve "desacreditada" a tese e denuncia que segue o abandono do territorio "catro meses despois" dos lumes // Ao PSdeG non lle sorprende que o informe de Fiscalía sobre incendios rexeite a trama que "suxería a Xunta" // O BNG esixe a Feijóo que se desculpe ante os galegos por "mentir"

12.02.2018 
A- A+

O portavoz de En Marea, Luís Villares, advertiu de que as declaracións do fiscal de Medio Ambiente, Álvaro García Ortiz, nas que se nega a existencia de evidencias dunha trama incendiaria como causa da vaga de lumes do pasado mes de outubro, "fai caer unha vez máis a fachada de boa xestión" de Alberto Núñez Feijóo, cuxa tese "queda completamente desacreditada".

Segundo avanzou Europa Press esta fin de semana, o informe da Fiscalía Superior de Galicia para determinar se houbo planificación coordinada na vaga de incendios do pasado outubro está "practicamente concluído", sen case novidades con respecto ao elaborado no ano 2016. "Dixémolo desde o principio, non temos evidencias da existencia de ningunha trama", asegurou García Ortiz.

Villares acusou ao PP de "tentar crear un inimigo exterior" para eximirse de "todo tipo de responsabilidades" e considerou que as declaracións de García Ortiz demostran a "manipulación informativa" emprendida pola Xunta, gastando "miles de euros públicos" nunha campaña "que non foi comprada por moita xente" que era consciente da "catástrofe" a través do "olfacto e a vista".

Así, En Marea denunciou que continúa a "incompetencia" e o "abandono" do territorio como "insignia do Goberno" do PP, ademais da "incapacidade" para cumprir "o seu deber institucional" para resarcir ás vítimas e mostrar "solidariedade" cos municipios.

Villares criticou que a comisión de estudo non é "nin de lonxe" o que esta formación propuña e defendeu á urxencia de chegar a "un pacto nacional" polo territorio, lamentando que desde a Xunta non se impulsou "nin unha soa medida" de rexeneración ambiental, para resarcir ás vítimas, de coordinación de mandos de emerxencias ou de protección e concienciación.

Unha "incompetencia", reiterou, que continúa "catro meses despois" desde a xestión da catástrofe, tanto por parte de Feijóo, como do vicepresidente, Alfonso Rueda, e a conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez.

AXUDAS PENDENTES DESDE 2016
Villares referiuse a casos denunciados por alcaldes e municipios afectados, como en Carballeda de Avia, onde os danos superan os case dous millóns en axudas por vivenda anunciados pola Xunta. Do mesmo xeito, denunciou as "dificultades" tanto polo pouco prazo para inventariar os danos como para acceder ás indemnizacións polos requisitos solicitados.

Neste sentido, denunciou que concellos como Entrimo "aínda non cobraron as axudas polos incendios do ano 2016".

Tamén criticou o "deixamento" en canto ás contías por danos, que obrigou a que a Xunta "prometa" que se resolverán os expedientes "en próximas semanas", á vez que reprochou que os concellos teñan que "buscar recursos a outras administracións" ante a "falta de interese" en materia de recuperación forestal, desde o punto de vista socio económico.

"Non se queimou só masa forestal, senón a forma de vida de moita xente", advertiu, tendendo a man "a quen teña vontade de chegar a acordos" para tentar chegar a un pacto polo territorio ante este "panorama desolador".

Ao PSdeG non lle sorprende que o informe de Fiscalía sobre incendios rexeite a trama que "suxería a Xunta"

O portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, sinalou que non lle sorprende que o informe da Fiscalía Superior sobre a vaga de incendios que sufriu Galicia a mediados do pasado mes de outubro conclúa que non hai evidencia dunha trama, "que era o que suxería a Xunta".

Despois de que o fiscal delegado de Medio Ambiente, Álvaro García Ortiz, desvelase nunha entrevista concedida a Europa Press que o informe sobre a vaga de incendios non contén novidades con respecto ao que xa se elaborou despois da vaga de 2006, Leiceaga lembrou que os socialistas dixeron "desde o principio" que "non había ningunha trama terrorista ou incendiaria".

"Unha cuestión diferente é que existan imprudencias ou comportamentos delituosos, pero que en ningún caso dan lugar a unha organización ou trama, que era o que suxería a Xunta nun claro intento de crear un chibo expiatorio para eliminar da conciencia pública a responsabilidade que puidese ter a Xunta", expuxo o portavoz socialista.

Para Leiceaga, é "un avance" que desde instancias como a Fiscalía de Medio Ambiente "se arroxe luz sobre este asunto". Ademais, avanzou que o seu partido levará o contido deste informe, que está practicamente concluído, á comisión parlamentaria para a reforma da política forestal, que desenvolve as súas sesións durante este semestre.

O BNG esixe a Feijóo que se desculpe ante os galegos por "mentir" cunha trama incendiaria que "non existía"

 

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, afirmou que a Xunta e o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, "débenlle unha desculpa aos galegos e galegas por mentirlles durante a vaga de lumes" ao "responsabilizar" deses incendios a "unha suposta trama incendiaria que non existía".

O informe da Fiscalía Superior de Galicia, realizado por mor da vaga de lumes do pasado mes de outubro, conclúe que non existen evidencias da existencia dunha trama incendiaria, segundo o avanzado polo fiscal delegado de Medio Ambiente, Álvaro García Ortiz, nunha entrevista con Europa Press.

Preguntada sobre esta cuestión, Pontón acusou á Xunta de escudarse nesa "suposta trama" para "esconder á verdadeira trama incendiaria que hai neste país, que é unha política forestal de abandono do medio rural, que é a gran causante dos incendios forestais".

Á espera de coñecer o informe na súa totalidade, a nacionalista remarca que "vai na liña do que desde o primeiro momento dixo a Fiscalía de que aquí non había trama incendiaria".

QUE POÑA FIN A UNHA POLÍTICA FORESTAL "PIRÓMANA"
Por iso, empraza á Xunta a que "tome medidas" para "pór fin" ao despoboamento no medio rural e a acabar con "unha política forestal a medida de ENCE que está a causar non só un grave problema ambiental, senón un problema de seguridade pública", xa que "os incendios teñen consecuencias moi importantes".

Logo de lembrar que en outubro faleceron catro persoas en Galicia durante a onda de lumes, Ana Pontón avisou á Xunta de que "non se pode seguir adiante cunha política forestal pirómana".

 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS