Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 22.09.2017 Actualizado 19:52
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

A oposición ve insuficiente a multa da Xunta á familia Franco

O PP rexeita entrar nun debate sobre "cifras" // A Xunta defende que a multa á familia Franco é acorde ao "marco xurídico e ao procedemento administrativo"

SANTIAGO. EP  | 11.09.2017 
A- A+

Os grupos da oposición no Parlamento (En Marea, PSdeG e BNG) cuestionaron este luns a multa imposta pola Xunta á familia Franco por incumprir o réxime de visitas ao Pazo de Meirás, en Sada (A Coruña), tendo en conta que non alcanza os 6.000 euros de máximo que permite a lei. Pola súa banda, o PPdeG rexeitou debates sobre "cifras" e opinar sobre se 4.500 euros de sanción é "moito ou pouco".

En primeiro termo, en rolda de prensa, a viceportavoz do BNG na Cámara, Olalla Rodil, lamentou que "pasar por encima da lei" non supoña a multa máxima, sobre todo á vista de que a Fundación Francisco Franco, que xestiona as entradas ao inmoble, xa anunciou que "ata nova orde" este ben de interese cultural quedaba clausurado ao público.

"Queremos un compromiso claro da Xunta para defender ao pobo galego, os dereitos democráticos e a memoria das vítimas do fascismo", subliñou, á vez que mostrou as súas dúbidas sobre que o PP teña interese real en recuperar o Pazo de Meirás para o público.

A continuación, o portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, defendeu ter en conta "o carácter continuado do incumprimento" por parte da familia Franco para "agravar" a multa, máxime agora que se anunciou un novo expediente. Así mesmo, para Ánxeles Cuña, deputada de En Marea, a sanción é "irisorria".

Pola súa banda, o seu homólogo no PPdeG, Pedro Puy, considerou "arriscado" entrar nunha guerra de cifras sobre se a contía económica da multa "é pouca ou é moita" cando hai "un expediente administrativo" aplicado "de acordo coa lei" e "por parte de empregados públicos".

"Eu non quero entrar en debates sobre se me parece pouco ou moito, pero si quero dicir que aquí se lles está aplicando a lei como a calquera outro cidadán. Sexa cal for o seu apelido, cando se incumpre unha norma, faise un expediente administrativo cunha sanción que, neste caso, fíxose firme", manifestou.

ANALIZAR A DEVOLUCIÓN DO PAZO

En paralelo, o PSdeG anunciou o rexistro da súa iniciativa de creación dunha comisión técnica con participación de diferentes institucións para analizar a fórmula na que o Pazo de Meirás poida ser incorporado ao patrimonio público.

Trátase, como explicou Leiceaga, de revisar a documentación existente para ratificar que a entrega do inmoble ao ditador non se fixo de forma "voluntaria", senón baixo "coacción" e por "imposición" da Falange. De ser así, podería estudarse a reversión desa cesión.

O que deixou claro é que na súa vontade non está fixar "ningún tipo de compensación" aos herdeiros de Franco por "algo do que gozan" por mor dun acto "ilexítimo". Sería "un mal negocio", recalcou, da mesma maneira que Olalla Rodil rexeitou "pagar nada" a esa familia.

Na mesma idea de que unha cesión "fraudulenta" pode ser revertida incidiu Cuña, quen sostivo que "o roubo está documentado". Así mesmo, subliñou que a "conciencia social" de que hai que "reparar a memoria" é a que reclama a devolución do Pazo de Meirás.

Igualmente, Pedro Puy sinalou que se trata dunha "idea interesante e razoable" ao redor da que espera que "haxa acordo".

FRANQUISTA?

Por último, os grupos falaron sobre a entrevista concedida polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, á Cadena Ser, na que descartou "mecanismos franquistas de incumprimento da lei" para expropiar o Pazo de Meirás.

Sobre este punto, Puy Fraga puntualizou que "o presidente non falou de expropiacións franquistas". "Dixo que non se ía a facer algo á marxe da lei como se facía nos tempos de Franco", sinalou.

Pola súa banda, Leiceaga dixo non comprender que o presidente fale das expropiacións como "mecanismos franquistas", cando esa vía se utiliza nos casos de interese xeral; mentres a representante da formación rupturista acusou a Feijóo de "insultar ás vítimas" con frases como esa.

"Só demostran conivencia coa familia Franco e a consolidación do saqueo", sentenciou, antes de requirir ao máximo mandatario autonómico que "se retracte" desas palabras.

A Xunta defende que a multa á familia Franco é acorde ao "marco xurídico e ao procedemento administrativo"

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, defendeu que a multa de 4,500 euros imposta á familia Franco por non cumprir o réxime de visitas no Pazo de Meirás é acorde ao "marco xurídico e ao procedemento administrativo".

O pasado sábado a Xunta anunciou a imposición dunha multa á familia do ditador tras constatar "problemas" na xestión das visitas ao Pazo de Meirás tras o expediente aberto aos propietarios do ben, declarado de Interese Cultural e que, por tanto, debe abrirse ao público un mínimo de catro veces ao mes.

O incumprimento da obrigación de facilitar as visitas públicas a este tipo de bens está tipificado como unha infracción leve, con multas que van desde os 300 aos 6.000 euros.

Este luns, cuestionado sobre as críticas lanzadas desde diferentes partidos políticos porque a multa non alcance o máximo permitido, Román Rodríguez defendeu que as sancións administrativas fíxanse "en función das inspeccións técnicas".

"Nin un conselleiro nin un alcalde poden pór multas arbitrarias en función do que lle pareza", declarou o titular de Cultura, para logo incidir en que as sancións se impoñen "en base aos marcos xurídicos e aos procedementos administrativos pertinentes".

DECLARACIÓNS DE FEIJÓO

Rodríguez tamén comentou as palabras do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, quen, nunha entrevista concedida á Cadena Ser, asegurou que non se empregarían "mecanismos franquistas" para recuperar o Pazo de Meirás.

"O que quere dicir o presidente, e é unha opinión compartida non só polo Gobienro de Galicia senón por todos os galegos, é que o diñeiro dos galegos non debe transmitirse á familia Franco", afirmou.

 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS