Hemeroteca web | RSS  RSS     Mércores 22.11.2017 Actualizado 19:21
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

Podemos cuestiona a En Marea

"Pretende ostentar baixo a forma de partido único a representación social do cambio" // Lembra aos seus deputados que non teñen que render contas na súa asemblea e Carmen Santos non acudirá ao plenario

13.07.2017 
A- A+

A dirección de Podemos Galicia cuestionou este xoves, dous días antes do plenario de En Marea, a conversión desta "ferramenta electoral" en "unha nova organización política". "Non participamos na construción de En Marea como partido", remachou.

De feito, a través dun comunicado para ratificar que Podemos non participará como organización na asemblea do sábado, criticou que En Marea "pretende ostentar baixo a forma de partido único a representación política e social do cambio".

E é que, desde a perspectiva da directiva en Galicia da formación morada, En Marea é "unha ferramenta estritamente electoral" cuxo obxectivo era "dar cabida a unha maioría social que necesitaba dun vehículo común" para "desaloxar ao PP da Xunta".

Agora, á vista de que En Marea "continuou a súa propia folla de ruta" para "constituírse en partido", Podemos deixou claro que "non diluirá" nela os seus "principios éticos", o seu "proceder radicalmente democrático" para elixir os seus representantes e o seu "compromiso cun Estado plurinacional e fraterno".

Nesa liña, defendeu que, aínda que "a unidade é necesaria" como "único modo de conseguir o cambio político", non é "un fin en si mesmo" que leve a construír un novo partido. E menos, proseguiu, con "liñas políticas que non sempre responden á renovación e a radicalidade democrática que a sociedade galega reclama".

RENDICIÓN DE CONTAS

En canto á rendición de contas dos deputados ante a asemblea de En Marea, Podemos lembrou que só están obrigados a facela ante os inscritos na formación morada e os votantes da forza rupturista.

"Non temos ningunha obrigación con En Marea-Partido, como non a temos con ningunha das outras formacións coas que participamos no devandito espazo", conclúe o comunicado.

Este pronunciamento chega pouco despois de que catro do cinco con escano no Congreso (Yolanda Díaz, de EU; Ángela Rodríguez e Antón Gómez-Reino, de Podemos; e Miguel Anxo Fernán Vello, de Anova) avanzasen que non irán render contas do seu traballo parlamentario.

No caso dos representantes no Hórreo, de trasladar o informe sobre a actividade do grupo encargarase Pancho Casal, segundo el mesmo informou a Europa Press. Aínda que é militante de Podemos, este labor realizaraa por encargo dos 14 deputados que conforman En Marea.

Pola súa banda, a secretaria xeral de Podemos Galicia, Carmen Santos, quen tamén ocupa unha das viceportavocías parlamentarias de En Marea, non acudirá o sábado ao plenario porque, como sinalaron fontes da súa contorna, ten outro acto do seu partido en Madrid.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS