Hemeroteca web | RSS  RSS     Luns 24.07.2017 Actualizado 20:41
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

O Resurrection Fest rexistra unha nova cifra récord con 86.475 asistentes de mércores a sábado en Viveiro

"Foi impresionante", destaca a alcaldesa María Loureiro, sucesora de Melchor Roel, principal valedor dunha cita impulsada por dous mozos

LUGO. EP  | 10.07.2017 
A- A+

O Resurrection Fest, cita internacional de música hardcore, punk, metal e rock que se celebra desde hai 12 anos en Viveiro (Lugo), rexistrou unha nova cifra récord este ano con 86.475 asistentes que pasaron polo recinto situado no pobo de Celeiro, desde o pasado mércores ata o sábado.

Tras o paso de máis de 100 bandas e o directo de Rammstein, cun espectáculo de lume e pirotecnia, a organización deu as grazas polo "civismo xeneralizado" que durante case unha semana completa demostraron as decenas de miles de asistentes, chegados dunha vintena de países distintos.

En 2015, con Motörhead e Korn como cabezas de cartel, o evento superou os 50.000 asistentes, e o público xa fora de máis de 80.000 persoas en 2016, con Iron Maiden como principal banda.

Sobre este ano 2017, a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, cualificou de "todo un exitazo" a XII edición, cun impacto económico estimado en máis de 11 millóns de euros.

"CADA ANO SUPÉRASE"

"O balance é moi positivo. Cada ano supérase. Foi un exitazo, houbo máis xente que o ano pasado", valorou Loureiro, quen accedeu á alcaldía en decembro de 2013, despois do falecemento de Melchor Roel, principal valedor deste festival, ideado por dous mozos veciños da localidade.

A actual rexedora viveirense resaltou que a cita se celebrou un ano máis "sen ningunha incidencia" e incidiu en que "iso é de valorar", polo que, ademais da os organizadores, agradeceu o traballo das forzas e corpos de seguridade do Estado.

Estes días, segundo comentou, "había xente por todos os sitios (de Viveiro), moita xente en supermercados, nos bares e tamén pola rúa". "Foi impresionante", subliñou.

En canto ao impacto económico, lembrou que o pasado ano os organizadores "fixeron un balance económico de toda a comarca da Mariña e roldaba os 11 millóns de euros, entre postos de traballo directos e indirectos e na hostalaría". "E este ano vai ser máis", anticipou.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS