Hemeroteca web | RSS  RSS     Luns 24.07.2017 Actualizado 20:41
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

Un profesor da UVigo descobre un manuscrito inédito en galego, que data do século XVIII, en plenos 'Séculos Escuros'

Trátase dunha longa carta en verso, en concreto 50 décimas, dirixidas contra don Diego Zernadas, coñecido como o Cura de Fruíme, sacerdote e escritor da Galicia da Ilustración

VIGO. EP  | 15.07.2017 
A- A+

O profesor da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo Xosé A. Fernández Salgado sacou á luz un manuscrito inédito, en galego culto, de ao redor de 1770, do período coñecido como os 'Séculos Escuros'.

Trátase dunha longa carta en verso, en concreto 50 décimas, dirixidas contra don Diego Zernadas, coñecido como o Cura de Fruíme, sacerdote e escritor da Galicia da Ilustración. O estudo deste manuscrito, a cargo do profesor Fernández Salgado, publicouse baixo o título 'Cincuenta décimas contra don Diego Zernadas' por parte de Edicións Laiovento.

A importancia de dar a coñecer este manuscrito reside, segundo apuntou o investigador da UVigo, en que apenas hai textos escritos en galego entre os séculos XVI e XVIII. Así, apuntou que este achado fai supor que si houbo escritura en galego pero que posiblemente, "moitos deses textos non chegaron a imprimirse".

Outra característica relevante é o tamaño do texto, 500 versos, o máis longo coñecido desta época, despois das coplas do Padre Sarmiento. "A súa extensión, datación, redacción íntegra en galego e un rexistro lingüístico coidado converten o 'Cincuenta décimas contra don Diego Zernadas' nun texto de referencia obrigada na historia da lingua e literatura galegas", subliñou Xosé A. Fernández Salgado.

O profesor explicou que atopou o manuscrito en 2011, entre os documentos sen catalogar do arquivo da Fundación Penzol e que posiblemente sexan procedentes do fondo de Xosé María Álvarez Blázquez.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS