Hemeroteca web | RSS  RSS     Luns 24.07.2017 Actualizado 20:41
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

Villares ábrese a sumar a emenda apoiada por Beiras sobre o modelo de En Marea, pero os críticos rexéitano

Rexeitan "a moderación do discurso" e converter En Marea en "un partido clásico"

SANTIAGO. EP  | 15.07.2017 
A- A+

O portavoz de En Marea, Luís Villares, anunciou este venres a súa "vontade de integrar" a emenda apoiada por Xosé Manuel Beiras sobre o modelo político da formación rupturista dentro dos textos oficialistas, desde o convencemento de que "fai unhas achegas moi interesantes". No entanto, o colectivo 'Recuperar En Marea' deixou claro que "non hai lugar" a un acordo nese sentido.

No seu documento, os críticos rexeitan "a moderación do discurso" e converter En Marea en "un partido clásico". "Só se pode entender como un suxeito en rebeldía permanente que non se somete á normalización política nin á homologación coas forzas do réxime", sosteñen, mentres o sector oficialista presenta a formación como "a alternativa política das maiorías sociais".

En declaracións aos medios este venres, Villares sinalou que as propostas deste colectivo son "complementarias" e, por ese motivo, expuxo unha transacción de ambos os textos que haberá de ser sometido ao referendo do plenario o sábado. "O espazo (de En Marea) quere ser suma de todas as opinións, de todas as vertentes, das maiorías sociais", xustificou.

Pouco despois dese ofrecemento, 'Recuperar En Marea' emitiu un comunicado con "unha valoración crítica" da situación do partido instrumental e rexeitou ese acordo previo para "non furtar" aos inscritos a posibilidade de "contrastar" a súa proposta con "os pasos dados pola actual coordinadora, afastados dos consensos fundacionais" tomados na asemblea de Vigo.

"Non hai lugar para transaccionar un modelo que negue En Marea como un espazo de autoorganización cidadá en favor da ruptura política e da democracia radical", esgrimiu este sector, para o que o partido "non naceu como unha proposta de pacto coas vellas estruturas" senón "para ser instrumento de construción de alternativas políticas e sociais de cambio ao servizo dos cidadáns".

MODELO ORGANIZATIVO

Outra das propostas deste sector para o plenario é que a portavocía sexa plural e rotatoria cada seis meses, o que obrigaría a Villares a renunciar ao cargo orgánico en novembro. Sobre ese punto, como indicou o maxistrado en excedencia, non existe acordo, de modo que os diferentes modelos orgánicos haberán de ser debatidos.

Con todo, restou importancia ao seu futuro político. "É o menos relevante", asegurou, para defender que "o importante é a consolidación do espazo político de En Marea". "O importante --salientou-- é que En Marea sexa unha ferramenta útil para solucionar os problemas da xente".

Finalmente, expresou a súa convicción de que a asemblea concluirá con unidade. "Mañá sairemos todos arranxados", concluíu.

Con todo, 'Recuperar En Marea' cuestionou a "incapacidade da actuación dirección" do partido para "tecer complicidades" e "garantir a unidade na diversidade" do espazo político, en alusión ao comunicado crítico de Podemos anunciando o seu rexeitamento a participar na asemblea; ademais do "baleirado da participación" na formación.

"Para ser un instrumento político de utilidade para os cidadáns necesitamos ser un dinamizador de activismo, de compromiso, de solidariedade recíproca. Necesitamos desactivar a construción pasiva de En Marea como un partido convencional, acomodado aos formatos que os medios e o bipartidismo dá por válidos", remacha a súa nota de prensa.

 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS